Friday 17 de May de 2024

O Concello de Noia acomete melloras nas instalacións que Protección Civil dispón para acoller os cans abandonados


 

O Concello de Noia vén de acometer melloras nas instalacións da base do servizo de Protección Civil de Noia. A concelleira de Protección Civil, Ángela Neri, explica que “reforzamos o valado perimetral e colocamos comedeiros nas canceiras que temos, onde tamén fixemos un novo tellado para evitar que as choivas alcancen aos cans que se atopen aló ao ser acollidos en caso de abandono”.

Neste sentido, a concelleira lembra a obriga veciñal de ter identificado aos seus cans con microchip pois, ademais de permitir a rápida identificación do animal en caso de extravío, evitará as sancións económicas contempladas na Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, que considera a ausencia de chip identificador como unha infracción grave sancionable con multas de ata 500 euros.